Wednesday 01 de May de 2024

A Deputación aproba axudas de máis de 60.000 euros para financiar proxectos solidarios de organizacións internacionais


A institución provincial participa nun programa de Farmacéuticos Mundi para fortalecer a vixilancia dos medicamentos en El Salvador

O pleno da Deputación da Coruña vén de aprobar unha serie de convenios a firmar con diferentes entidades internacionais sen ánimo de lucro para financiar proxectos solidarios en India, Chad ou El Salvador. En total, a achega provincial suma máis de 60.000 euros.

O primeiro deles, que se asinará coa Asociación Semilla para el Cambio, ten como obxectivo facilitar a colaboración provincial co proxecto de apoio sanitario no barrio de Sigra-Varanasi (India). A axuda da Deputación, dun total de 5.540 euros, destinarase a cubrir as necesidades sociais básicas de saúde a grupos en situación de risco, contribuíndo así á inclusión social e á loita contra a pobreza. Así, financiaranse gastos médicos, axudantes, especialistas, tratamentos dentais e oftalmolóxicos, coordinador, medicamentos, material de oficina…

Tamén o pleno da corporación provincial deu saída, por unanimidade, á firma dun novo convenio de colaboración coa Fundación Entreculturas Fe y Alegría, co obxecto de financiar o acceso a infraestruturas educativas de calidade en tres escolas de Fe y Alegria-Chad. Desta actuación poderán beneficiarse un total de 535 alumnos e na construción das novas infraestruturas participarán tanto as comunidades locais como as asociacións de pais e nais. Segundo o texto do convenio, construirase un bloque de tres aulas na comunidade de Tchelati; a delimitación cun cerco de arame de protección das escolas de Dongom Bidio e Djeguere, así como o seu equipamento con 66 mesas e bancos. Neste caso, a achega da Deputación é de 35.000 euros, o que supón o 76,66% do orzamento total, de 45.656,73 euros.

O terceiro convenio asinarase coa ONG Farmacéuticos Mundi e ten coma obxectivo a colaboración no fortalecemento do sistema nacional de farmacovixiancia en El Salvador. Segundo o texto do acordo, trátase dun proxecto de detección, avaliación e prevención de reaccións adversas, fallos terapéuticos e de calidade dos medicamentos. Ademais, traballarase na promoción do seu uso racional, unha cuestión incluída na reforma do sistema de saúde posto en marcha en El Salvador e que conta con máis de 900 profesionais traballando en centros de saúde cunha media de 50.000 pacientes.

Coa achega provincial, de preto de 20.000 euros, financiaranse o material e o equipamento necesario para a mellora dos sistemas de almacenaxe de medicamentos e enseres médicos dos hospitais.